Cara a un corpus da lingua de signos galega: análise sociolingüística e proxecto piloto
Temas
Detalles
Este estudo presenta o deseño dun proxecto piloto para a creación dun corpus representativo da lingua de signos galega (LSG). A LSG é a lingua visoxestual, natural e histórica, propia da comunidade signante de Galicia. Porén, actualmente, considérase unha lingua en perigo ou ameazada, sen recoñecemento legal e, como tampouco está presente no sistema educativo debido á desaparición dos colexios específicos de xordos, está relegada a unha transmisión xeracional que se vai debilitando pola influencia da lingua dominante e de maior prestixio, é dicir, a LSE. Por tanto, a creación dun corpus da LSG é unha ferramenta fundamental para, entre outras finalidades, preservar a lingua e realizar unha análise exhaustiva das súas características. Para iso, este traballo realiza un estado da cuestión a través dunha análise sociolingüística e tamén leva a cabo un estudo preliminar ou prepiloto co obxectivo de avaliar o deseño do proxecto piloto (baseado principalmente no corpus CORALSE). A análise sociolingüística permitiu contextualizar a situación actual da lingua e da comunidade signante galega, analizando as súas orixes no colexio de xordos de Santiago de Compostela e a súa transmisión, revisando o marco legal das linguas de signos en España, recompilando as distintas iniciativas de preservación e promoción da lingua e a resposta institucional do CNLSE e recollendo a opinión da comunidade xorda galega. Por último, os resultados do estudo preliminar ou prepiloto cumpriron en gran medida cos obxectivos e as funcións das probas e permitiron avaliar o deseño do proxecto piloto, modificando e axustando as distintas tarefas para recoller máis información sobre a LSG e empregando recursos comúns noutros corpus de linguas de signos.
