Methodology and analysis of sign languages: from data to theory (and back)
Temas
Detalles
A revista Hesperia cede xenerosamente o seu espazo neste volume para visibilizar unha parte da investigación lingüística actual sobre as linguas de signos das persoas xordas. As linguas de signos (ou linguas de sinais, como adoitan chamarse noutros países de Latinoamérica) incorporáronse á investigación lingüística hai relativamente pouco tempo: a obra de Tervoort (1953) nos Países Baixos e, sobre todo, debido á súa maior influencia, a de Stokoe (1960 [2005]) nos Estados Unidos de América, adoitan considerarse como o punto de partida dos estudos sobre o tema na lingüística contemporánea. Dende entón, unha variedade de linguas de signos, desde a usada nos Estados Unidos e no territorio de fala inglesa do Canadá (ASL = American Sign Language) e outras de Europa e doutras partes do mundo, foron descritas totalmente ou parcialmente (Engberg-Pedersen, 1993; Herrero Blanco, 2009; Johnston e Schembri, 2007; Leeson e Saeed, 2012; Liddell, 2003; Sutton-Spence e Woll, 1999), de xeito que non só hai investigación especializada, senón tamén traballos de difusión e introducións moi coidadas (Baker, Bogaerde, Pfau, e Schermer, 2016; Brentari, 2010; Pfau, Steinbach, e Woll, 2012).