Unha lingua de signos galega?
Temas
Detalles
A publicación no ano 2007 da Lei 27/2007, do 23 de outubro, pola que se recoñecen as linguas de signos españolas e se regulan os medios de apoio á comunicación oral das persoas xordas, con discapacidade auditiva ou xordo-cegas, supuxo o recoñecemento oficial da lingua de signos española (LSE) e da lingua de signos catalá (LSC), así como o dereito a aprendelas e usalas ó lado doutros medios de comunicación orais. Logo dunha reivindicación histórica por parte do colectivo xordo, a lexislación admite a existencia de dúas linguas de signos en España. Ademais, a LSC é oficial en Cataluña dende o ano 2006, a partir da publicación do Estatuto de Autonomía Catalán. Tamén no ano 2010 se publica a Lei 17/2010, de 3 de xuño, da lingua de signos catalá. Porén, nin no ámbito autonómico, nin no estatal se recoñeceu oficialmente unha lingua de signos galega (LSG). Todo apunta a que a diferenciación soamente de dúas linguas de signos no estado español non atende a criterios lingüísticos, senón máis ben políticos e sociais. Unha análise histórica e émica do proceso de planificación lingüística en Galicia a través dunha metodoloxía etnográfica permite observar como se organizou a diversidade lingüística na comunidade e lévanos a concluír que tras a oralización en castelán do colectivo xordo, buscouse unha uniformización lingüística que conduciu á falta de recoñecemento das diferentes variedades lingüísticas, entre elas a galega.